Monday 16 de September de 2024

O Concello de Bergondo presenta o seu programa de envellecemento activo para o curso 24/25


· Inclúe formacións en tecnoloxías, talleres de memoria, inglés, mindfulness ou o podcast ‘+55FM’.

· O prazo para inscribirse vai do 9 ao 13 de setembro.

O Concello de Bergondo acaba de presentar a programación de actividades de envellecemento activo para o curso 2024/25. Esta iniciativa, dirixida a veciños e veciñas maiores de 55 anos, contempla actividades e formacións que van desde o podcast ‘+55FM’ a talleres de memoria, inglés ou mindfulness.

O prazo de inscrición abre o luns 9 de setembro e estará aberto ata o venres día 13. As persoas interesadas en apuntarse deberán escribir ao correo electrónico servizos.sociais@bergondo.gal, utilizar este formulario, facelo a través da sede electrónica ou presencialmente no departamento de Servizos Sociais do concello.

A lista provisional de admitidos publicarase o martes 17 de setembro e, se hai máis rexistrados que prazas oferta a actividade, o venres 20 realizarase un sorteo público ás 10:00 horas para determinar as persoas que acceden ao devandito curso. A formalización final da inscrición e o pago poderase facer desde o 23 ata o 27 de setembro.

ACTIVIDADES

O catálogo de actividades e talleres que ofrece o Concello na súa programación é amplo e contempla todos os gustos. Ofrécese un taller en tecnoloxías dixitais para aprender a usar tanto o computador como o teléfono móbil. Tamén haberá prazas para a segunda edición do podcast ‘+55FM’, no que os e as participantes aprenderán a producir un programa de radio.

Outro taller que se oferta é o de inglés, que axudará ás persoas rexistradas a mellorar as súas habilidades e dominio do idioma. Haberá unha clase de iniciación e outra de nivel avanzado.

Por último, os talleres de memoria activa e de mindfulness desprazaranse ás parroquias, facilitando a participación de todos os bergondeses e bergondesas. Desta forma, haberá estes talleres en Vixoi, Cortiñán, Guísmo, Lubre, Ouces e Bergondo.